Blog dos Bancos de Tempo da Costa da Morte

Coñece que son os Bancos de Tempo e que poden facer por ti!

Cee

 

SESIÓN DE ESTIRAMENTOS

O xoves, 16 de abril, celebrouse o primeiro intercambio grupal do Banco de Tempo do Concello de Cee. Este consistiu nunha SESIÓN DE ESTIRAMENTOS que se impartiu as 10:30 no ximnasio do antigo instituto Agra de Raíces. A clase foi impartida pola fisioterapeuta Mª Elisa Martínez Pérez e asistiron 13 mulleres.

Elisa explicoulles ás asistentes a importancia de traballar o noso corpo, non só cando nos doe, senón tamén por prevención. Sinalou que os exercicios de estiramentos, feitos a diario, poden chegar a mellorar a nosa calidade de vida como non imaxinamos, xa que, sérvennos para mellorar postura e dores, manternos en forma, previr lesións e recomenda facelos, polo menos, antes e despois do deporte.




Dende o Banco de Tempo queremos agradecer a participación tanto da profesora como das alumnas e felicitar a profesora, xa que, segundo dixo algunha asistente “a clase encantoume, foi corta pero moi ben aproveitada”.




O feito de que a actividade estea promovida polo Banco de Tempo significa que, neste caso Elisa, a profesora, ofreceu desinteresadamente o seu tempo e coñecementos profesionais ás demais persoas participantes e, a cambio, ela pode participar nas actividades que queira do banco de tempo ofrecidas polas demais.


Esta semana comezou o Obradoiro de Estética do Banco de Tempo, martes e mércores de 10:15 a 11:45 no instituto vello Agra de Raíces e terá unha duración de catro semanas. A profesora será a esteticista e perruqueira da Academia Sol y Mar, Eva María Rodríguez Rodríguez, a cal tamén asistiu a sesión de hoxe de estiramentos.


OFRECER E RECIBIR esa é a mecánica dun Banco de Tempo!


Para máis información poden acercarse pola Oficina no 3º andar da Casa do Concello, chamar ao teléfono 981 706 120 ou escribir ao correo electrónico: bancodetempo.cee@hotmail.com



 
 
 

PRIMEIRAS ACTIVIDADES EN GRUPO NO BANCO DE TEMPO DE CEE








  • APRENDE ESTIRAMENTOS

Terá lugar o xoves, 16 de abril, no ximnasio do instituto vello “Agra de Raíces” ás 10:30 e será impartida pola fisioterapeuta Mª Elisa Martínez.


A actividade está dirixida a todas aquelas persoas que queiran facer estiramentos a diario, antes ou despois do deporte, para mellorar postura e dores, manterse en forma ou previr lesións . Tan só é necesario levar roupa cómoda.





  • OBRADOIRO DE ESTÉTICA

Da man de Eva María Rodríguez, perruqueira e esteticista, que ensinará prácticas como a manicura, pedicura, depilacións e maquillaxe .


Será os martes e mércores, 21, 22, 28 e 29 de abril e 5, 6, 12 e 13 de maio, de 10:15 a 11:45, no instituto vello “agra de raíces”. As persoas participantes deberán levar pinzas de depilar, material de manicura (lima, cortacutículas, palito de laranxo, cortacaios, rascadurezas) e de maquillaxe.







INSCRICIÓNS:


Oficina do Banco de Tempo

Casa do Concello, 3º andar

981 706 120 / 981 745 100

bancodetempo.cee@hotmail.com

 
 
 

O BANCO DE TEMPO DE CEE ABRE AS SÚAS PORTAS




A partir de hoxe, día 10 de marzo de 2009, os veciños e as veciñas de Cee poderemos contar cun novo servizo no concello, á oficina do banco de tempo . Nela encontrareime eu, María Crespo, que son a axente de tempo.



Dende este blog, creado polo persoal técnico dos bancos de tempo da Costa da Morte, informareivos de todas as novidades e actividades que vaian xurdindo ao longo da vida do noso banco municipal de tempo.



Nesta oficina a miña labor será informar e resolver as dúbidas que poidan xurdirvos sobre que é un banco de tempo e explicarvos as normas de funcionamento . Farei as inscricións ás persoas interesadas e asesorareivos nas seguintes cuestións:


- Que podedes ofrecer ?

- Que queredes recibir ?

- Cal é a vosa dispoñibilidade ?



Poderedes saber as ofertas e demandas que haxa no banco por se algunha vos interesa. Cando queirades realizar algún intercambio contactarei con ámbalas dúas partes para chegar a un acordo SEMPRE de xeito VOLUNTARIO . A oficina do banco de tempo é a encargada de mediar entre as persoas inscritas.



O tempo devólveselle ao banco, é dicir, a outra persoa que non ten porque ser á persoa da que se recibiu o servizo, xa que, podemos non estar interesados/as no que ofrece. Tamén podemos organizar actividades en grupo, xa que, poden ser varias as persoas que estean interesadas nunha mesma oferta.



Cantas máis persoas haxa no banco de tempo e canto máis diversas sexan as súas ofertas, máis actividades poderemos levar a cabo.



O BANCO DE TEMPO PODE FACER COUSAS
QUE O DIÑEIRO NON PODE COMPRAR!



Oficina do Banco de Tempo

Rúa Domingo Antonio de Andrade s/n, 3º andar

15270 Cee

Tel. 981 706 120 (provisional) / 981 745 100

bancodetempo.cee@hotmail.com

www.bdtcostadamorte.ohlog.com

 
 
Página 1 de 1. Total : 3 Artículos.